A cidade de Tui converteuse durante a fin de semana do 20 e 21 de xuño no epicentro do baile deportivo galego, acollendo unha dobre cita organizada pola Federación Galega de Baile Deportivo que puxo o broche final á tempada autonómica.

A competición comezou o sábado 20 de xuño cunha xornada dedicada ás modalidades de Bailes Latinos, Bailes Estándar, Bailes Caribeños, Danza Coreográfica e Single, todas elas puntuables para o ranking galego. Ao longo do día sucedéronse as actuacións das diferentes categorías, ofrecendo un gran nivel técnico e deportivo sobre a pista.

O domingo 21 de xuño foi a quenda da Final da Liga Xunta de Galicia de Hip Hop, unha das citas máis esperadas da tempada. Tras as tres etapas previas disputadas ao longo do ano, os mellores grupos e formacións de Galicia medíronse na última proba da competición, na que quedaron proclamados os campións galegos da Liga Xunta de Galicia de Hip Hop 2026.

Durante toda a fin de semana, deportistas, adestradores, familiares e afeccionados encheron o pavillón, creando un magnífico ambiente e demostrando, unha vez máis, o excelente momento que vive o baile deportivo en Galicia.

Desde a Federación Galega de Baile Deportivo queremos felicitar a todos os clubs, deportistas, técnicos, xuíces e voluntariado polo seu traballo e compromiso ao longo de toda a tempada, así como agradecer ao Concello de Tui e a todas as persoas implicadas a súa colaboración para facer posible unha fin de semana de competición de gran nivel.

Con esta cita conclúe o calendario autonómico, deixando atrás unha tempada marcada pola alta participación, o crecemento das diferentes disciplinas e o gran nivel demostrado polos deportistas galegos dentro e fóra da nosa comunidade.