A actividade, organizada pola Federación Galega de Baile Deportivo, reuniu o pasado 30 de maio a deportistas de distintos clubs galegos para continuar coa súa formación técnica da man de Tony el Haber e Sheida Shahroozi.

A Federación Galega de Baile Deportivo celebrou o pasado 30 de maio en Santiago de Compostela unha nova xornada de tecnificación dedicada aos bailes caribeños, unha iniciativa encamiñada a seguir impulsando a formación e o perfeccionamento dos deportistas galegos.
A actividade desenvolveuse nas instalacións da Cervecería Monte do Gozo e contou coa participación de bailaríns e bailarinas procedentes de diferentes clubs da comunidade, que tiveron a oportunidade de ampliar coñecementos técnicos e prácticos nun ambiente de aprendizaxe e convivencia deportiva.
A sesión estivo dirixida por Tony el Haber e Sheida Shahroozi, profesionais de referencia nesta modalidade, que guiaron aos participantes a través de diferentes exercicios e sesións específicas orientadas á mellora da técnica, a interpretación e a conexión en pista.
Esta xornada formativa enmárcase dentro do programa de tecnificación promovido pola Federación Galega, que busca ofrecer aos deportistas galegos ferramentas para continuar progresando e afrontar con maiores garantías os retos competitivos da tempada.
Dende a Federación Galega de Baile Deportivo agradécese a implicación dos técnicos, deportistas e clubs participantes, así como o compromiso de todos aqueles que fan posible o desenvolvemento destas actividades formativas, fundamentais para o crecemento do baile deportivo en Galicia.