Marín viviu esta fin de semana unha intensa xornada de baile deportivo coa celebración dunha dobre competición puntuable organizada baixo o amparo da Federación Galega de Baile Deportivo. O evento reuniu a centos de deportistas chegados de diferentes puntos de Galicia e doutras comunidades, consolidando unha vez máis a importancia de Marín dentro do calendario autonómico da disciplina.

Durante a competición disputáronse probas de bailes latinos, estándar, caribeños e danza coreográfica, ofrecendo ao público unha fin de semana chea de ritmo, técnica e espectáculo. As bancadas do pavillón presentaron unha gran entrada durante ambas xornadas, creando un ambiente excepcional para acompañar aos deportistas ao longo de toda a competición.

A cita serviu ademais para continuar sumando puntos de cara ao ranking galego, nun momento clave da tempada para moitas parellas e grupos coreográficos. O alto nivel exhibido na pista confirmou o gran momento que atravesa o baile deportivo galego, tanto nas categorías base como nas absolutas e senior.

Desde a Federación Galega de Baile Deportivo quérese agradecer o traballo da organización, clubs, técnicos, xuíces, familias e voluntariado, así como a implicación do Concello de Marín por facer posible unha nova fin de semana de competición e promoción do baile deportivo en Galicia.

Imaxe das bancadas durante a competición