A iniciativa, organizada pola Federación Galega de Baile Deportivo en colaboración con AD&M Olmedo Butler Abogados, deu comezo cunha xornada formativa en liña centrada na protección no ámbito deportivo.
O pasado 28 de xuño tivo lugar a primeira sesión das Xornadas PROTEXE FGBD 2026, unha iniciativa promovida pola Federación Galega de Baile Deportivo, en colaboración con AD&M Olmedo Butler Abogados, co obxectivo de reforzar a prevención da violencia e promover contornas deportivas seguras.
A sesión, desenvolvida en formato online, estivo dedicada á prevención da violencia sexual no deporte e foi impartida por M.ª Teresa Olmedo Butler, delegada de Protección, quen abordou os principais aspectos relacionados coa detección de situacións de risco, a prevención e os protocolos de actuación.
Durante a xornada púxose de manifesto a importancia da formación como unha ferramenta esencial para garantir espazos seguros no deporte. Máis aló do cumprimento da normativa vixente, estas accións permiten dotar a deportistas, técnicos, xuíces, directivos e familias dos coñecementos necesarios para actuar de forma responsable ante posibles situacións de violencia.
A Federación Galega de Baile Deportivo continúa así coa súa aposta pola formación e a sensibilización, promovendo iniciativas que contribúan a consolidar unha cultura de respecto, protección e benestar dentro do baile deportivo.
